O candidato do PSdeG á Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, participou nun mitin en Lugo nos que trasladou “dúas certezas”. A primeira, que “Rajoy non vai ser presidente do Goberno de España e o PP non vai seguir gobernando” pola súa “incapacidade” para o diálogo. A segunda, que “Pedro Sánchez será presidente porque o PSOE ten a capacidae de representar mellor que ninguén os intereses da maioría” e porque “en España, e en Galicia, non estamos para aventuras”.
Leiceaga compartiu acto en Lugo coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos e os candidatos ao Congreso e o Senado, Margarita Pérez Herráiz e Ricardo Varela. O socialista criticou aos que pretenden situar ao PSOE na obriga de permitir que o PP siga gobernando. “A dereita económica e política crese no dereito divino de gobernarnos. Pero vai ser que non. Para iso precisarían perverter a democracia. E non llo imos permitir”, afirmou.
“Nós formamos parte dos centos de miles de galegos e galegas e dos millóns de españois que non non resignamos, e que lle dicimos non a Mariano Rajoy”, asegurou Leiceaga,que lembrou datos económicos e dos sectores produtivos afundidos e que en Galicia hoxe “só nace un neno por cada dúas persoas que morren”. “En Galicia tivemos que aturar por duplicado. Porque a Mariano o plusmarquista mundial dos recortes sumouse Feijóo como alumno aventaxado, coa furia do que ten que facer méritos diante do xefe. Que presenta como mérito ter cumprido cos obxectivos de déficit cando incrementou a débeda en 6.600 millóns de euros”.
Un voto cámbiao todo
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou que “o PSOE é o único capaz de propoñer un verdadeiro cambio e de facer un xiro de 180ª graos ás políticas antipersoas levadas a cabo nos últimos anos polo PP”. A rexedora chamou a á cidadanía a dicir si polo cambio e pediu o voto para os socialistas. “Un voto cámbiao todo e está na nosa mán. O PP quitóunolo todo, a sanidade gratuíta, a educación pública, o crecemento económico e a igualdade e os dereitos civís, pero un voto pode devolvernos o que é noso, o noso futuro”, reivindicou Méndez, que garantiu que “se con Felipe González comezou a España da igualdade e con Zapatero das liberdades, con Pedro Sánchez vai comezar a España das oportunidades”.
O PSOE é loita
O Presidente da Deputación, Darío Campos subliñou que “o PSOE representa a historia dunha loita de 137 anos pola igualdade de oportunidades e dereitos no noso país. Loitamos con Felipe González ata acadar a España dos dereitos, conseguindo un sistema público de pensións ou unha educación pública e universal. Loitamos con Zapatero pola España das liberdades, implantando leis como a da Violencia de Xénero, a da Dependencia ou a do matrimonio entre persoas do mesmo xénero. E agora loitamos con Pedro Sánchez para recuperar a España das oportunidades, para restablecer o Estado do Benestar e o pacto entre xeracións que fixemos realidade os socialistas e que desmantelou o Partido Popular. O PSOE é loita”. Rematou
A única alterativa viable, fiable e de cambio real é o voto ao PSOE
O Candidato ao Senado, Ricardo Varela, pediulle aos votantes socialistas que non se deixen enganar por segunda vez. Advertiu que “os que pediron o voto para o cambio utilizárono para impedilo”. Por iso insistiu reclamando á cidadanía evitar co seu voto, que se volva a repetir “a gran coalición do 2 de marzo” entre o Partido Popular e Podemos, xa que uniron votos para evitar que gobernará o Partido Socialista. “Os dous partidos impediron que se producira o gran cambio que precisa este país, tanto PP como Podemos son cómplices de que en España non goberne un Presidente progresista, presidido por Pedro Sánchez. O PP non vai gobernar, polo tanto a única alterativa viable, fiable e de cambio real é o voto ao PSOE”, resumiu Varela.
Campus Terra de Lugo
A Candidata ao Congreso, Margarita Pérez Herraiz, destacou a importancia do Campus Terra de Lugo como un instrumento de referencia para a transformación do sector primario na provincia. E criticou que o PP non soubese ver este proxecto e aproveitase para desenvolvelo.
En clave de propostas, remarcou que “o PSOE definirá un novo modelo de financiamento de universidades públicas, que sexa transparente, para garantir a adecuación dos recursos, a eficacia e eficiencia, para asegurar a equidade e xerar incentivos para un mellor rendemento e calidade”.