As eleccións xerais deixan en Lugo o mesmo reparto de escanos que o 20D

As eleccións xerais deste domingo deixaron na provincia de Lugo o mesmo panorama que o 20 de decembro. Non houbo cambios no reparto de deputados e o Partido Popular conservou os seus dous escanos no Congreso, que volverán a ocupar Joaquín García Díez e Jaime de Olano. Os socialistas manteñen a acta de Margarita Pérez Herráiz e En Marea a de Miguel Anxo Fernán-Vello.

Con todo, os populares reforzan a súa posición na provincia ao medrar un 5% en número de votos. A secretaria provincial do PP en Lugo, Elena Candia, fala de “bos resultados” e salienta que o seu partido acada en Lugo a maior suba porcentual de entre todas as provincias galegas.

O PSOE mantense en termos porcentuais con respecto aos resultados acadados o 20 de decembro pero logra superar a En Marea na cidade de Lugo. A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez fala de “sorpasso” dos socialistas na cidade aínda que cre que os resultados foron “malos” para  España e Galicia, e acusaba sen nomealo a Pablo Iglesias de ter forzado unha repetición de eleccións ao non querer apoiar a investidura de Pedro Sánchez.

Pola súa banda, a coalición En Marea mantén a acta de Miguel Anxo Fernán Vello, aínda que perde un 2,6% dos votos acadados hai seis meses.

O BNG volve quedar sen representación na provincia e mesmo reduce a súa porcentaxe de voto ata quedar nun 2,3%. A súa candidata Olalla Rodil cre que con estes resultados Galicia “volve quedar sen voz” nas Cortes xerais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com