A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao Vicerrector de Coordinación do Campus lucense, Javier Bueno Lema, e a coordinadora de Xuvenciencia, Mercedes Novo, inauguraron este luns no auditorio da Facultade de Veterinaria a cuarta edición do Campus de Verán.
Esta iniciativa é “unha oportunidade”, subliñou a rexedora, para “descubrir vocacións científicas entre a mocidade, e poñer en valor a gran potencialidade do Campus lucense, o Campus Terra, ademais dun espazo de convivencia enriquecedor para o futuro persoal e profesional dos participantes”.
Xuvenciencia reúne a 150 rapaces e rapazas de 4º de ESO e 1º de bacharelato de Galicia, o resto de España e de Portugal durante unha semana, nas facultades de Ciencias, Humanidade, Administración de Empresas, Formación do Profesorado, Veterinaria e na Escola Politécnica.
Con máis de 90 actividades e avalado por uns 130 docentes, persegue fomentar o interese polas titulacións científicas e técnicas, así como por aquelas outras do eido das ciencias sociais e humanidades, ofertadas no Campus de Lugo, achegar toda a información dispoñible para que os futuros universitarios poidan elixir mellor o seu futuro e divulgar a investigación feita no Campus.