As Forzas da Orde investigan as causas do falecemento dun home que apareceu boca a baixo nunha finca na que estivera traballando durante a tarde de onte. Sobre as 02:30 horas desta madrugada, os servizos sanitarios solicitaban ao CAE 112 Galicia a intervención das Forzas da Orde para o lugar de Arcos, na localidade de Antas de Ulla.
O alertante, tras poñerse en comunicación co persoal do 112 Galicia indicou que se trataba dun home que, durante a tarde estivera traballando na finca, e, como non regresaba, saíron na súa busca e atopárono boca a baixo na finca, nun lugar de fácil acceso.
Até o lugar, desprazáronse os axentes da Garda Civil que, neste intre, tratan de investigar as causas do falecemento da persoa. Os efectivos do GES de Monterroso tamén se desprazaron ao lugar dos feitos.