Turismo de Galicia iniciará a finais do mes de xullo a segunda fase das obras de mellora do Camiño Francés para a adaptación do itinerario á delimitación oficial en cinco concellos de Lugo e no municipio coruñés de Arzúa. Así llelo comunicou esta mañá a directora deste organismo, Nava Castro, aos alcaldes dos municipios beneficiados: Pedrafita do Cebreiro, Sarria, Paradela, Portomarín e Samos, ademais de Arzúa.
Nava Castro explicou que se incorporará unha sinalización provisional de obra para que o Camiño nunca deixe de estar sinalizado. Así mesmo, afirmou que o obxectivo é unificar e harmonizar a sinalización do Camiño de Santiago, un dos símbolos de Galicia, e ofrecer un mellor servizo aos peregrinos que se decantan por este itinerario.
Con estas actuacións, que terán unha duración duns catro meses, complétase o proxecto de sinalización do Camiño Francés impulsado por Turismo de Galicia cun investimento total superior aos 800.000 euros, xa que os traballos que se executarán nesta segunda fase contan cun investimento de licitación superior ao medio millón de euros, que se suman aos máis de 320.000 euros da adxudicación da primeira fase, traballos rematados en marzo.