Unha muller resultou ferida despois de sufrir unha saída de vía en Guntín. O vehículo no que circulaba envorcou e ela acabou saíndo despedida do seu interior. A condutora, e única ocupante, quedou tendida na calzada e o seu coche, ocupando parte do carril contrario.
O accidente rexistrouse na N-540, a estrada que une Lugo con Santiago, aproximadamente dous quilómetros antes de chegar a Guntín. Segundo o servizo de emerxencias 112 foi un particular o que alertou do sucedido minutos despois das 17:00 horas desta tarde.
Os profesionais do CAE 112 Galicia informaron a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Chantada, ao GES de Monterroso e á Garda Civil de Tráfico. A muller foi trasladada nunha ambulancia a un centro sanitario.