O Concello de Mondoñedo trasladará o centro de Interpretación do Camiño Norte ao centro cultural Alcántara. A alcaldesa, a popular Elena Candia, avanzou que o Xacobeo vén de adxudicar o proxecto para o cambio de situación deste servizo e salientou que deste xeito “o centro estará nun entorno máis próximo aos peregrinos ao estar ao lado do albergue municipal”.
Candia avanzou que a empresa adxudicataria estivo este venres na cidade mindoniense para coñecer as instalacións e presentar o resultado do proxecto “para comezar o traslado canto antes”. O plan, que conta cunha inversión de 40.000 euros, consistirá en “artellar un novo guión expositivo que combine o contido actual do Centro Cultural de Alcántara, no que se fai unha homenaxe aos mindonienses ilustres, coa riqueza cultural do Camiño de Santiago na contorna de Mondoñedo”. A alcaldesa indicou que por este motivo para o traslado teranse en conta “os medios expositivos xa existentes en ambos edificios para intentar relatar dúas liñas de lectura complementarias”.
Deste xeito, o novo centro respectará os medios expositivos de Alcántara que están incrustados nas paredes na antiga igrexa, como os andeis relacionados cos ilustres nados na vila de Mondoñedo, como son Antonio Noriega Varela, José Pacho, Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro e Álvaro Cunqueiro. En cambio, os medios expositivos dispostos no corredor central, relacionados coa imprenta e o patrimonio musical, si poden distribuírse doutro xeito para gañar este espazo e colocar nel o contido do Centro de Interpretación do Camiño de Santiago.
Candia precisou que “o novo servizo contará ademais cunha serie de paneis e vídeos sobre o Camiño de Santiago nos que se amosarán non só os aspectos xa tratados nas salas do antigo Centro de Interpretación como son a infraestrutura do Camiño, a paisaxe diversa, as etapas do Camiño, os puntos de interese máis salientables a nivel arquitectónico, e a maqueta interactiva cos vídeos. Tamén se tratarán temas relacionados coa hospitalidade, a simboloxía e os relatos de peregrinos históricos que fixeron o Camiño Primitivo, recentemente galardoado coa máxima distinción da UNESCO, de Patrimonio da Humanidade”.
Importancia para promocionar os municipios
A alcaldesa salienta a vital importancia da posta en marcha deste novo Centro de Interpretación do Camiño Norte no Concello de Mondoñedo. Indicou que “estes espazos pretenden atender a peregrinos, visitantes e ao público en xeral para darlles unha visión de conxunto das características e valores do Camiño ao tempo que serven para promocionar os municipios polos que pasa ao informar de todo o relacionado con estes lugares e os seus arredores”.