O claustro da Catedral de Lugo acolleu esta mañá o acto para conmemorar o primeiro aniversario da declaración como Patrimonio da Humanidade pola Unesco do Camiño Primitivo e do Camiño do Norte.
Ao acto asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que salientou que Galicia está aproveitando esta distinción para atraer cada vez máis turistas e dotar a estas rutas de máis servizos á disposición dos peregrinos.
Neste sentido, Feijóo lembrou que detrás da distinción lograda fai un ano “non hai só un recoñecemento internacional, senón tamén un impulso a unha das nosas principais actividades económicas”. A este respecto, o presidente da Xunta indicou que se trata ante todo dunha “responsabilidade adquirida co mundo”, que nos converte en “gardiáns dun símbolo, o Camiño, que transcende ao noso territorio e tempo, e que temos a obriga de preservar”.
Ademais, Feijóo e outras autoridades quixeron recoñecer o traballo dos concellos polos que transcorren os Camiños do Norte polo traballo realizado na súa conservación. A encargada de recoller a distinción en nome da cidade de Lugo foi a concelleira de Cultura e Turismo, Carmen Basadre.