Máis dunha trintena de nenos participaron nas últimas semanas nas actividades de Avifauna, un obradoiro de actividades medioambientais promovido pola Deputación de Lugo no parque zoolóxico Avifauna e cuxa inscripción é de balde.
A deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López, e o responsable do parque, José María Díaz Paz, amosaron a súa satisfacción tras a celebración dos primeiros dous obradoiros, nos que participaron máis dunha trintena de rapaces e lembraron que aínda permanece aberto o prazo para realizar novas inscripcións.
López Izquierdo sinalou que o obxectivo desta actividade é “fomentar entre os máis pequenos o estudo da fauna da provincia dunha forma dinámica e divertida, a través de xogos e actividades”. Así, os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer numerosas especies de aves e incluso puideron axudar a alimentalas.
O vindeiro sábado 16 de xullo, celebrarase a terceira xornada denominada ‘Están contentos en gaiolas?’, na que se tratarán os conceptos de conservación á hora de situar as coleccións zoolóxicas, afondando no benestar animal e como se aplica en Avifauna.