O BNG no Concello de Lugo presentaralle unha proposta ao Goberno local para a posta en marcha dun programa de instalación de composteiros comunitarios. O voceiro da formación nacionalista, Rubén Arroxo, explicou que “neste momento o concello de Lugo está pagando por enviar a Sogama toneladas de materia orgánica que se podería aproveitar para hortos, xardíns ou explotacións agrícolas” e engadiu “ademais dos gastos e recollida e transporte o custo de procesamento dunha tonelada de lixo en Sogama ronda os 80 €”.
Arroxo afirmou que “ademais dos restos orgánicos que se producen nos domicilios, detectamos que se están a tirar aos contedores restos de podas e incluso sacos con cespede cortado en xardíns”. O BNG propón que a experiencia se inicie en algunha zona rural ou semiurbana para “testar os resultados” e sinalou “nós temos claro o xeito de facelo xa que en concellos como Allariz esta experiencia xa está funcionando cun resultados moi aceptables”
A proposta dos nacionalistas pasa pola instalación das chamadas illas de compostaxe, nas que se instalan composteiros que a propia veciñanza xestiona. A posta en marcha desta iniciativa ten que comezar cun plan de concienciación entre veciñas e veciños e que deben coñecer como funcionan os composteiros comunitarios e implicarse no programa.