O Grupo municipal de Lugonovo levará ao vindeiro Pleno unha iniciativa instando ao Goberno local a habilitar os mecanismos oportunos para poñer en funcionamento un órgano de apoio que permita exercer a fiscalización das concesións municipais, en cumprimento dun acordo plenario aprobado por unanimidade no mes de outubro.
Segundo a formación, deste xeito podería coñecerse a existencia de contratos aparentemente opacos, dilacións indebidas no control do cumprimento dos prazos, aumentos repentinos das asignacións presupostadas ou o risco de caducidade das subvencións coas que se financian.
“Asistir a todos estes sobresaltos que afectan, ou afectaron no seu día, a edificacións e infraestruturas moi relevantes para a cidade é o que nos leva a ampliar a nosa proposta de supervisión dos servizos que presta o Concello, especialmente os externalizados, para que se extenda igualmente ás obras que están en execución”, sinalou o portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha.