O festival Resurrection Fest deixou na Mariña un beneficio de 10,2 millóns de euros segundo anunciaron esta mañá os organizadores do evento, Iván e David Méndez que comparecían acompañados do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Os organizadores explicaron que esta edición “foi a de maior éxito de participación, xa que se achegaron máis de 80.000 persoas”, algo que “superou todas as expectativas”. O índice de ocupación hoteleira na Comarca da Mariña acadou o 100%, “non só no Concello de Viveiro, senón en todos os concellos limítrofes”. Ademais, vendéronse todas as entradas, e visitaron a comarca persoas de 36 países como Xapón, Indonesia ou México.
Con estes datos, o Resurrection Fest pode considerarse xa como un dos festivais máis grande de toda Galicia, e como o evento de referencia da música metal, punk, rock e hardcore. Durante a celebración desta edición o Resu foi trending topic nas redes sociais.