Un grupo de veciños de Sarria viaxarán a Guerlèdan, un municipio da Bretaña francesa, con motivo do 18 aniversario da irmandade entre ambos os dous concellos.
A deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo e a presidenta da asociación da irmandade, Elvira Vila presentaron este xoves as actividades que desenvolverán na vila francesa. López Izquierdo salientou que “é un privilexio manter unha relación tan estreita co pobo de Guerlédan co que compartimos, debido ás nosas raíces, uns trazos identitarios comúns na personalidade, a idiosincrasia e as manifestacións culturais”.
A historia da relación vén de lonxe e débese a un xornalista de Láncara que residía na zona da Mur, na Bretaña francesa. Tras recoñecer as numerosas similitudes que unen os dous lugares, pensou na posibilidade de establecer un intercambio cidadán. Dende entón, hai 18 anos, son os bretóns os que veñen a Sarria nos anos impares e os lucenses van aló con motivo dos pares.