O vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, presentou este xoves a décimo primeira edición do Criterium Aeronáutico, que se celebrará do 22 ao 25 de xullo no aeródromo de Rozas. Esta iniciativa está organizada polo Real Aeroclub de Lugo e conta cunha achega provincial de 10.000 euros para a organización do mesmo. O evento coincidirá ademais coa XXXIII Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense.
Santos destacou que “é un privilexio poder contar na provincia de Lugo cun evento destas dimensións, que pola variedade e calidade das actividades que ofrece, conta cunha repercusión mediática internacional, ademais de supoñer un importante impacto económico xa que atrae a preto de 5.000 persoas, pernoitando, comendo e mercando en diferentes establecementos lucenses, o que sen dúbida dinamizará a economía local e provincial”.
Neste senso, Santos Ramos informou que máis de 150 aeronaves e preto de 5.000 persoas, entre pilotos e afeccionados, daranse cita durante a vindeira fin de semana en Rozas, consolidando ao Criterium Aeronáutico como un referente do panorama nacional. “A magnitude do evento é tal que as prazas para inscribirse nalgunhas actividades, como o salto en paracaídas, esgotáronse en cuestión de horas”, subliñou.