O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, confirmou esta mañá a detención e a posta a disposición xudicial de dúas persoas que foron prendidas a pasada noite por practicaren roubos en establecementos de hostelería da cidade e nunha furgoneta.
Carballo sinalou ademais que se puxo en marcha un “dispositivo especial” por parte da Policía para frear a vaga de roubos en vivendas que vén sufrindo Lugo nas últimas semanas. “Hai un dispositivo especial porque se producen roubos a franxas horarias concretas e montouse un dispositivo concreto para poder dar cos autores, que supoñemos que son de aquí e non hai ningunha banda organizada de fóra”, subliñou.
A este respecto, o subdelegado do Goberno en Lugo quixo enviar “unha mensaxe de tranquilidade e seguridade” aos lucenses. Subliñou que se está realizando un despregamento especial “para poñer a esa xente a disposición xudicial”.