A TIC colabora na curtametraxe “Cabello de ángel”

A Fundación TIC colabora na realización da curtametraxe “Cabello de ángel”, unha idea orixinal dun exalumno da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o lucense Fernando Losada. No proxecto audiovisual tamén colaboran outros tres profesionais do sector audiovisual formados na Escola de Imaxe e Son de Lugo.

A participación da Fundación TIC nesta curtametraxe débese, por un lado, ao apoio que lle dá ao audiovisual galego pero, sobre todo, ao compromiso e implicación que mantén a TIC co seu alumnado, non só durante o seu período de formación teórica e práctica, senón mesmo cando os estudantes comezan a dar os seus primeiros pasos no mundo laboral para introducirse no sector audiovisual.

A Fundación TIC axuda a que este proxecto sexa unha realidade facilitando apoio técnico e coa participación de distintos profesionais e bolseiros durante a rodaxe, que tivo lugar esta fin de semana.

A rodaxe de Cabello de ángel, unha curtametraxe na que se narra unha historia de suspense protagonizada por unha familia galega, desenvolveuse o sábado e o domingo nun pazo situado en Maceda, no concello do Corgo. Nas próximas semanas traballarase na súa montaxe e a estrea está prevista para finais do mes de agosto.

Festival de curtas de Monforte

Cabello de ángel estrearase competindo no Concurso Nacional de Curtas, que terá lugar o día 28 de agosto dentro da programación de FanCine de Lemos, o Festival de Cine Fantástico de Monforte, que se vai celebrar do 25 ao 28 de agosto.

Está previsto que teña unha duración duns sete minutos, nos que se contará a historia dunha familia dos nosos tempos. Pero o que parte da vida normal dunha familia de tres membros, evolucionará de maneira que acabarán por desencadearse unha serie de acontecementos desconcertantes e mesmo dramáticos.

Equipos técnico e artístico

O equipo técnico que traballa neste proxecto está formado por numerosos profesionais entre os que están catro antigos alumnos da EIS. Ademais de Fernando Losada, director e autor do guión orixinal,, no proxecto participan Rubén Veiga, xefe de iluminación, Fernando Vilar, director de fotografía e Karina Sánches, encargada de produción. A responsable da adaptación do guión foi Andrea Fernández.

Polo que se refire ao equipo artístico, está formado por actores como Alfonso Gallardo e Andrea San José. Tamén se contou coa participación de tres nenas que interpretaron os distintos momentos da vida da filla da parella formada por Esteban e Candela.

Sinopse da curta

Esteban e Candela son un matrimonio con unha filla. Forman unha familia de vida normal. Os dous son músicos, pero as cousas non sempre son o que parecen. Esteban é un músico mediocre e Candela, pola contra, é unha música de éxito. E iso acaba por ter as súas consecuencias. Inesperadas, emocionantes e mesmo dramáticas. A historia, narrada coa técnica de flashback, conta, con saltos no tempo, sucesos ocorridos en distintos momentos da vida desta familia, durante un periodo temporal duns quince anos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com