Absoltos todos os implicados na Operación Rei

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo acordou absolver a todas as persoas xulgadas na coñecida como Operación Rei, un caso que investigaba supostas adxudicacións irregulares de obras e servizos no concello lucense de Castro de Rei durante o ano 2008.

Entre os acusados atopábase o entonces alcalde de Castro de Rei, o socialista Juan José Díaz Valiño e outros tres edís, dos cales un continúa na actual corporación. Ademais tamén tiveron que sentar no banco dos acusados a secretaria municipal, dous técnicos e un empresario.

O tribunal considera que “os feitos acreditados non son constitutivos de ningún tipo de infracción penal, o que ten que levar á libre absolución de todos os acusados”. Deste xeito, a Sala, tras ler a versión íntegra de escoitas levadas a cabo, “non atopa razóns, indicios ou sospeitas obxectivas, máis aló das meras suposicións, que puidesen permitir entender que se estaba cometendo ou se ía a cometer algún tipo de ilícito penal”.

Por iso é polo que considera que “as primeiras intervencións telefónicas que se acordaron nesta causa carecían do suposto habilitante esixido xurisprudencialmente, o que determina a súa nulidade”. Consecuentemente, a nulidade do auto polo que se autorizaron as mesmas, “determina a produción do mesmo efecto en todas aqueloutras probas directa ou indirectamente relacionadas e derivadas” destas escoitas.

Explican os maxistrados que “resolta a nulidade das intervencións telefónicas practicadas na causa, na súa integridade, a declaración de feitos probados faise con fundamento na inxente proba documental que obra en autos e nas probas de carácter persoal, interrogatorios de acusados e testificais”, ademais de declaracións practicadas no acto do xuízo oral. Unha vez analizadas estas probas consideradas válidas, a Sala conclúe que os acusados deben ser absoltos.       

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com