A asemblea de Vilalba Aberta ven rexistrar unha iniciativa co obxectivo de que a vindeira titularidade pública do edificio orixinariamente construído para albergar vivendas de profesores na rúa Cuart de Poblet, se concrete nun uso de aluguer social e/ou de emerxencia habitacional.
A proposta, “enmárcase na recente decisión da corporación municipal de dirixirse á Xunta para continuar coa desafectación do antigo edificio de profesores e que na actualidade conta con seis vivendas, das cales tan só dúas están habitadas. Unha vez que o edificio pase completamente ao Concello, as posibilidades, polo de agora sen concretar, son variadas. Mais as declaracións do alcalde, relativas á non urxencia dunha decisión neste senso, constitúen para a formación unha base de preocupación, en tanto que, ao seu xuízo, son tamén variadas as problemáticas e as situacións concretas ás que moitos veciños e veciñas se están a enfrontar”.
Para Modesto Renda, “son precisamente os concellos, como administración máis próxima aos cidadáns e coñecedores por iso dos problemas, necesidades e demandas da súa veciñanza, os que teñen a obriga de actuar no marco das súas competencias para corrixir a preocupante situación de desamparo nas que se atopan centos de familias, asfixiadas – asegura – polo paro e por unhas débedas que esta crise, da que non son responsables, converteron en inasumibles”.
Neste sentido, pronunciarase no Pleno, a fin de que a vindeira titularidade pública do inmoble se concrete nun uso de aluguer social e/ou de emerxencia habitacional, “co obxectivo de ofrecer unha saída respectuosa a un dereito fundamental como é o do acceso á vivenda, para todos os veciños e veciñas que teñan uns ingresos que sexan incompatibles cun proxecto de vida digno, isto é; parados/as de longa duración; familias con todos os seus membros en paro, menores, persoas con diversidade funcional ou maiores de 65 ao seu cargo; mulleres e nenos/as vítimas da violencia machista, etc, remata.