O Grupo Municipal de Lugonovo solicita que durante o verán o equipo de goberno faga as xestións oportunas para que a retirada de refugallos tralas festas patronais das aldeas se faga en canto rematen os festexos, adiantando a limpeza, se é preciso, á xornada establecida durante o resto do ano.
“Estes días non hai quen pare coa calor, a peste que desprenden os colectores multiplícase cando suben as temperaturas e convértense nun foco de atracción para os cans, os gatos ou os raposos que espallan toda a suciedade empeorando a imaxe e a salubridade da contorna”, subliña o voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha.
“Hai que ser consciente da realidade do municipio e das necesidades que ten en cada momento e agora mesmo manter a dinámica de traballo do inverno non é resolutivo. Trátase dunha cuestión puntual, que debe ser tida en conta porque tampouco supón un gran esforzo para a administración e evitaría o malestar veciñal”, conclúe Rocha.