A IV edición Travesía do Miño Cidade de Lugo congregará á beira do río Miño este sábado a uns 200 deportistas, 8 deles olímpicos. Esta mañá tiña lugar a presentación deste evento no Concello. O concelleiro de Deportes, Miguel Fernández subliñou que esta travesía se enmarca na aposta do Goberno local polas competicións deportivas como elemento dinamizador da cidade.
“Esta fin de semana, Lugo respirará deporte”, asegurou o edil, pois terán lugar tanto esta travesía como o Tríatlon do Miño o domingo. Neste senso, Fernández destacou a importancia destes dous eventos como elemento de promoción dun dos tesouros da cidade, o río Miño, e de todo o patrimonio lugués, así como para transmitir valores como esforzo; ao tempo que convidou a todos os lucenses a achegarse ao río para gozar desta competición.
Miguel Fernández tamén se amosou satisfeito de colaborar co Club PortaMiñá, ao que destina unha achega económica de 7.000 euros, e ao que lle agradeceu o impulso que fai polo deporte de base, un compromiso que comparte do Concello, que ano tras ano vén apostando polo deporte, en todas as modalidades, como parte formativa e de crecemento dos cativos.