O Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres en Xunta de Goberno o programa Lugo Termal 2016, un programa que potencia o benestar social e o turismo termal na provincia. O vicepresidente da institución, Álvaro Santos Ramos, explicou que Lugo Termal está dirixido a lucenses maiores de 55 anos que poderán optar a descontos de ata 60 euros para recibiren terapias mineromedicinais nos catro establecementos da provincia que ofrecen estes tratamentos.
Estes son o Hotel Balneario Augas Santas, en Pantón; Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei; Hotel Balneario Guitiriz e Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas. Lugo Termal conta cun orzamento de 36.000 euros, cos que a Deputación poderá subvencionar un total de 600 prazas dende setembro a decembro.
“Os descontos nos balnearios estarán a disposición dos interesados durante este período porque agora, unha vez aprobada hoxe esta programación, temos que publicala no Boletín Oficial da Provincia, abrindo, entón, o prazo legal establecido para a adhesión dos establecementos aos que vai dirixido o Lugo Termal”, explicou Santos.