O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo solicita ao Goberno local que asfalte a pista de 900 metros que comunica o lugar de Segade cos lagos de Teixeiro. O concelleiro popular Manuel López explicou que “con esta intervención os veciños deste núcleo recuperarían unha vía de acceso directo á estrada de Meira e que se viña utilizando dende sempre para vir a Lugo”.
Na actualidade a pista está “intransitable”, ao contar “con fochancas inmensas que impiden o paso dos turismos e incluso dos todoterreos”. Manuel López indicou que os veciños, dende hai tempo, se ven obrigados a buscar outras alternativas que multiplican ata por tres o percorrido para chegar a nacional 640.
“Se antes facían un desprazamento de 4,50 quilómetros, agora teñen que conducir durante 8 quilómetros máis, dando un rodeo totalmente innecesario” salientou o popular. Manuel López matizou ademais que “se trata dunha intervención cun custe mínimo” e que supón unha mellora importante na comunicación deste lugar de Teixeiro con Lugo.