A Xunta de Goberno aprobou este mércores a execución do obradoiro de emprego denominado EmpregaTIC, grazas ao que 15 desempregados do Concello recibirán medio ano formación especializada no eido das TIC encamiñada a acadar un nivel adecuado de coñecementos para mellorar a súa inserción laboral.
Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que se trata dun obradoiro que conta cun orzamento de 130.800 euros, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. As bases para a selección dos dous docentes, o adminsitrador e os 15 alumnos deste obradoiro, que segundo as previsións se desenvolverá etre o 26 de setembro e o 25 de marzo, publicaranse esta mesma semana na web do Concello, www.lugo.gal, así como no Taboleiro de Anuncios. Do mesmo xeito, pódense consultar chamando ao Servizode Información Municipal 010.
As persoas que queiran optar como alumnos a este obradoiro deben dirixirse ás oficinas de emprego. Para elo, deberán estar inscritos no Plan de Garantía Xuvenil. A selección terá lugar en agosto. O obradoiro, mediante o cal o Concello pretende pór en valor o patrimonio documental, natural e histórico do municipio a través das TIC, ao tempo que facilita a formación dos lucenses, conta con dous módulos, Xestión de marketing e comunicación, para 8 alumnos e Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, para 7 alumnos.