Un veciño de Viveiro sufriu queimaduras nas mans despois de tentar apagar un incendio de escasas dimensións rexistrado na súa vivenda. O lume orixinouse na campá extractora da cociña e tamén danou algún moble próximo.
Segundo o servizo de emerxencias 112, foi a filla do home ferido a que alertou do incendio no edificio, situado na avenida de Ferrol.
Efectivos de Uxencias Médicas trasladaron ao home a un hospital. Ademais, os profesionais do CAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Viveiro, do Grumir da localidade, de Protección Civil e da Policía Local.