Os nove votos dos concelleiros do PSOE e BNG, incluído o voto de calidade da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tombaron esta mañá no Pleno a proposta do Partido Popular para acondicionar unha zona de baño pública fronte ao Pazo Universitario dos deportes, algo que implicaría adquirir os terreos que unen o parque do Miño e do Rato e o acondicionamento de tres caneiros.
Os grupos de PSOE, Lugonovo e BNG amosaron o seu rexeitamento a ubicar nesa zona a praia fluvial ao tratarse dun lugar de alto valor medioambiental e ao contar cunha ínsua que serve de refuxio para as aves. Por este motivo, o voceiro dos populares Jaime Castiñeira accedeu a modificar a súa proposta e aceptou que no texto da mesma se incluíse “estudar” a viabilidade desta ubicación, sen pechar a porta a outra, e que o Concello sopesase ademais adquirir a ínsua situada nesa zona.
Tras estas modificacións, os grupos de PSOE e BNG votaron en contra da iniciativa, sumando nove votos en contra fronte aos 9 a favor dos populares, as abstencións de Lugonovo e Ciudadanos e a ausencia de ACE. O empate motivou unha segunda votación na que se acordou tombar a iniciativa grazas ao voto de calidade da alcaldesa, Lara Méndez.
Tralo debate, Jaime Castiñeira acusou a socialistas e nacionalistas de teren “pouca seriedade” ao esixir modificar a proposta para finalmente votar en contra. Segundo Castiñeira, os lucenses seguirán sen contar cunha zona de baño público pola decisión de PSOE e BNG.