O Executivo da Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno asumir os 500.000 euros que adebeda a Xunta á residencia de Ribadeo, tal e como o solicitaron os veciños. Así llelo trasladou hoxe o presidente, Darío Campos Conde, nun encontro na localidade ribadense, a representantes da Plataforma de Veciños en defensa da Residencia de Ribadeo; ao alcalde, Fernando Suárez Barcia, e a membros de todos os grupos do corporación municipal, agás o PP que declinou esta invitación.
Campos Conde lembrou que “hai uns meses, a Plataforma en defensa da Residencia de Ribadeo me trasladou a súa preocupación polo remate da residencia ante a falta dos 500.000 euros da Xunta. Comprometinme con eles a buscar unha solución se a administración autonómica non cumpría. Hoxe aprobamos conceder ese medio millón de euros, pois dende a Deputación cremos que este centro de maiores é unha infraestrutura social necesaria e moi demandada pola poboación de Ribadeo”.
Suárez Barcia destacou que “grazas Darío pola túa presenza e por substituír, unha vez mais, a quen debía estar aquí. Oxalá hoxe, ademais do Concello e da Deputación, estivera a Xunta. Pero, outra vez mais, volvémola a notar en falta por non cumprir a súa palabra, por non crer, dende o principio, na residencia de maiores de Ribadeo.