A conselleira de Infraestruturas e Vivenda asinou esta semana un convenio de colaboración co alcalde de Pantón ao que tamén asistiu a Delegada da Xunta en Lugo Raquel Arias. O convenio ten como fin a execución de beirarrúas entre Ferreira e o cruce de Sober, fronte ao mosteiro das Bernardas.
A Xunta financiará estes traballos mediante a achega dun investimento de máis de 230.000 euros.
O Concello de Pantón solicitoulle ao Goberno galego a súa colaboración para a construción das beirarrúas na rúa Ourense (N-120), dende a saída de Ferreira de Pantón ata a intersección coa estrada a Sober (LU-P-5901).
O tramo obxecto dos traballos, polo que se accede ao Mosteiro do Divino Salvador (Mosteiro das Bernardas), presenta beirarrúas en Ferreira interrompidas pola existencia dun punto estreito na estrada xerado pola existencia dun alpendre. Neste sentido, as actuación asinadas no convenio solucionarán estas carencias mellorando a calidade de vida dos cidadáns incrementando a súa seguridade e facilitando a súa mobilidade.
O Goberno galego comprométese ao financiamento destas obras, mentres que o Concello de Pantón redactará o documento técnico no que se definirán as actuacións e encargarase da contratación e execución das obras.
O convenio contempla accións como a demolición da existente edificación que provoca o estreitamento da vía e a execución no seu lugar dun muro de cantería de cerramento. Ademais, tamén se levará a cabo a construción dunha nova beirarrúa duns 150 metros e a ampliación do pontón existente nunha das marxes.
Con este acordo estase a reforzar a seguridade viaria, incrementando a mobilidade e mellorando a calidade de vida de tódolos veciños e usuarios.