Lugonovo propón o estacionamento en batería nas rúas O Vicedo e Frei Placido Rei Lemos

Aproveitar o espazo dispoñible para aumentar o número de aparcamentos nas proximidades do Casco Histórico e dar servizo á cidadanía resolvendo unha demanda popular son dous dos obxectivos que acadaría a proposta de Lugonovo de habilitar estacionamentos en batería nas rúas Frei Plácido Rei Lemos e a do Vicedo, próximas ó Parque de Rosalía

A evidencia é que os coches aparcan, poidan ou non, nas dúas, polo tanto esa necesidade existe como existe o espazo que permitiría facelo dunha forma máis organizada aumentando as dotacións de estacionamento nelas, sinala o portavoz Santiago Fernández Rocha. A rúa Vicedo precisaría dun pequeno asfaltado e na Frei Plácido Rei Lemos podería incluso anularse a beirarrúa, que só chega ata a metade da vía, para pintar novas prazas en batería, multiplicando a súa capacidade”.

Dende a formación apúntase a idoneidade de facelo xusto nesta época, cando o tráfico se relaxa un pouco máis na capital por mor das vacacións e aproveitando igualmente o tempo seco do verán. “Trátase dunha medida que non supón un elevado custo para as arcas municipais, que pensamos se pode acometer con axilidade e que soluciona unha problemática que se reproduce cada inverno: a de ducias de vehículos parados en dobre fila ás portas dun centro escolar que queda na contorna e os atascos nos que esta práctica deriva”, sinala o voceiro.

Santiago Fernández Rocha demanda tamén que o executivo revise a situación na que se atopa outra rúa próxima, a de Isaac Díaz Pardo, onde os turismos invaden constantemente as, xa de por si, estreitas beirarrúas, dificultando a mobilidade dos peóns e obrigando a complicadas manobras de circulación.

Esta é unha reclamación veciñal que ven de vello e da que o executivo pasa de largo. Non pode ser que un día si e outro tamén se permitan, dependendo de en que sitios, estas condutas incívicas que nos prexudican a todos e o Concello non se moleste nin en achegarse ata a zona para interesarse por como amañalo”, conclúe Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com