Fonmiñá está ultimando a organización da edición XXXVIII da Semana de Cine de Lugo, que se vai celebrar na terceira semana de setembro.
O cartel anunciador do certame, é obra da artista multidisciplinar lucense Luz Darriba, e constitúe unha homenaxe ao gran actor Buster Keaton no ano no que se cumpre o medio século do seu pasamento.
Para esta XXXVIII edición, Fonmiñá recibiu preto de 1.000 películas –curtas e longas- de 52 países de todo o mundo, das que foron seleccionados máis dun cento de filmes
Dentro da programación desta celebración cinematográfica figura un ciclo sobre a discapacidade, como homenaxe á Asociación de país e titores de persoas con discapacidade intelectual de Lugo, Aspnais, con motivo do seu primeiro cincuentenario… e unha homenaxe de lembranza ao Gran Teatro, á muller como protagonista, e a Dani de la Torre, Luis Tosar e Jorge Coira pola película “El desconocido”.
Dentro do cine galego, poderanse ver as películas premiadas en Cannes: “Lurna”, “Viaje a pies”, “A liña politica”, “Rancor”… e incluiranse películas realizadas por lucenses, premiadas en diversos festivais como “Restart” e “Cartas a Superman”.
Haberá ademais un ciclo de cine asturiano, e Luz Darriba, autora do cartel anunciador, presentará a súa película “Marcas na pel do papel”.
No novo ciclo “Como la vida misma” presentarase a película premiada na Seminci de Valladolid “Frankestein 04155”, sobre o accidente do Alvia en Santiago. E incluiranse tamén máis de trinta curtametraxes, premiadas nos Festivais máis importantes de todo o mundo, algunha delas con case un cento de Premios.