O concelleiro do GMPP pide ao goberno local que “preste unha maior atención ao estado da sinalización do municipio nas principais entradas da cidade, así como, no mantemento das cunetas. O edil do PP pon dous exemplos que poñen en evidencia unha falta de control de aspectos tan básicos e que repercuten na imaxe que proxecta a cidade a aqueles que nos visitan.
Un dos casos que salta á vista é o cartel que dá a benvida a Lugo, situado na estrada vella de Santiago antes de chegar ao cruzamento da estrada de Portomarín, e que “está oculto tras a maleza que crece de forma salvaxe nas cunetas por falta de limpeza”. Ameijide pide que se rocen as herbas e silvas que hai en ambas as marxes da vía.
Outro dos puntos no que hai que actuar, segundo os populares, “é na Avenida Duquesa de Lugo a maleza campa ás súas anchas polas beirarrúas ofrecendo unha imaxe penosa da cidade”.
Os populares afirman que a solución desta situación é “sinxela, rápida e barata xa que só fai falta rozar e limpar e tamén” suxiren, ademais, que se estude a posibilidade de mellorar e ampliar a información que se ofrece da cidade nas entradas?.
Ameijide explicou que “hai que facilitar, informar e orientar aos que nos visitan o acceso a puntos de interese turístico” apuntando que “poderíase estudar a posibilidade de colocar paneis informativos que referencien os bens patrimoniais que ten a nosa cidade”. Desta forma mellorariamos a calidade da información e potenciaríase a imaxe de Lugo como destino turístico, matizou o popular.
Ago 01, 2016 - 05:42 PM
E moi habitual!