Actividades da última semana do #CulturaAberta 2016

Este martes comezan as actividades da última semana do #CulturaAberta da Deputación de Lugo, unha iniciativa posta en marcha o pasado 5 de xullo coa que o organismo provincial ofrece máis de 30 actividades lúdicas e culturais, completamente gratuítas para os participantes. Lembrar que este martes, as proxeccións do documental e da curtametraxe serán no salón de actos do Pazo de San Marcos. As demais actividades celebraranse na explanada do Fogar de Santa María. Máis información sobre horarios, datas e outras actividades culturais en www.deputacionlugo.gal

 Programación

2 de agosto ás 21:30 horas no salón de actos da Deputación de Lugo.- Vida

Vida é unha película na que Rubén Riós tenta narrar unha historia sobre a capacidade, na que os protagonistas son persoas con capacidades diferentes. Trátase dunha ficción na que dúas grandes almas cheas de vida, Mónica e Óscar, loitan por sacar adiante os seus proxectos a pesar dos obstáculos que a vida cotiá lles presenta. Neste filme os actores nóveis óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro, comparten repertorio con actores profesionais como Javier Gutiérrez, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga ou Cristina Castaño.

3 de agosto ás 18:30 horas na explanada do Fogar de Santa María.- Lydia Botana De aquí para alá

De aquí para alá é unha proposta musical para o público infantil interpretada por Lydia Botana, no que os asistentes se embarcaran nunha viaxe musical a través do que chegarán a todos os continentes, amosando os distintos bailes, instrumentos, a súa natureza…tratando de espertar o interese pola música e a cultura doutros lugares, valorando a súa diversidade e, por suposto, respectándoa dun xeito didáctico e divertido.

4 de agosto ás 21:00 horas na explanada do Fogar de Santa María.- Lucus Ensemble e Uxía canta a Manuel María

Lucus Ensemble xurde en 2014, froito da inquietude musical da violonchelista Cristina Nogueira e o clarinetista Santiago Noriega. Propouxéronlle levar a dirección musical da agrupación ao mestre Alejandro Troya, o cal se fixo cargo tamén, xunto co trompista e acordeonista Moisés López, das adaptacións e arranxos do programa. Conta cun plantel fixo de dez músicos, ademais dos xa mencionados: Tania Balboa (oboe), Adrián Balboa e Miguel A. Díaz (clarinetes), María Losada (fagot), Cristina Díaz (frauta), Araceli Martínez (contrabaixo) e Carlos Vázquez (percusión), e nace coa intención de facerse un oco no elenco de grupos de cámara de Galicia.

Uxía canta a Manuel María: Este espectáculo é o gozo sinxelo dun canto ao gardador das albas que nos fai crer aínda no ser humano, un home que andou esta terra, parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face. Uxía arroupa a súa poesía coa delicadeza das melodías que foi atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón e o latexar sinceiro da emoción que emana dos seus poemas, amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimo e prezado legado. Percorre os diversos camiños e temáticas poéticas de Manuel María, desde a amorosa e intimista, á paisaxística e popular, desde a máis transcendente e metafísica até a reivindicación da natureza ou a defensa da lingua.

Venres 5 de agosto ás 21:00 horas na explanada do Fogar de Santa María.- Ibuprofeno Teatro “Raclette”

A Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela –a medida que comían- queixo, carne e verduras. Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, cinco personaxes que conforman un complexo mosaico humano. Provoca un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles pero que han de convivir a pesar das diferenzas. Son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora aos seus intengrantes.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com