O portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, denuncia a progresividade coa que avanzan os desperfectos rexistrados no Parque de Rosalía. “Empezaron sendo baches, agora xa pertencen á categoría de fochancas e a este paso, cando chegue o outono, serán as segundas piscinas públicas ao exterior do Concello de Lugo”, declarou.
O voceiro do Grupo Municipal advirte da “necesidade urxente de solucionar todos estes destrozos que poden dar pé a situacións perigosas para os usuarios e contribúen a afear a imaxe da cidade e a trasladar unha estampa de abandono e neglixencia institucional”.
“Todo o recinto tiña que estar en perfectas condicións, especialmente para garantir a seguridade dos máis pequenos pero desta maneira difícil é que saian del sen marcarse ou facerse unha escordadura”; “Habería que meterlle man rapidamente e resolver tódalas deficiencias antes de que sigan aumentando polo uso, porque logo amañalas suporá un esforzo maior de tempo, traballo e diñeiro e porque os lucenses merecen un parque en condicións e non un campo de minas”, conclúe Rocha.
Xunto as reivindicacións de Lugonovo para este espazo inclúese tamén a de incrementar os servizos de limpeza os días seguintes á celebración do botellón, debido a que “a resaca destas reunións xuvenís tradúcese na acumulación de restos de cristais e botellas rotas coas que se poden ferir os cativos”.