A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este martes de que o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo vén de conceder ao Concello o proxecto Lugo Smart City, enmarcado dentro a II Convocatoria de Cidades Intelixentes. Deste xeito, Lugo disporá de 4,1 millóns de euros para “convertirnos nunha cidade intelixente e sostible”, explicou Méndez, quen subliñou que “este Goberno Municipal quere ser o goberno que recupere os espazos para a xente, e neste caso queremos recuperar a administración para os veciños grazas ao uso das TIC, para gañar en calidade de vida dos lucenses facilitándolle o acceso á sua casa, ao Concello”. Grazas ao Lugo Smart City, a entidade local busca transformar Lugo e estar na vangarda da eficiencia das TIC, tendo en conta para elo a dispersión da poboación do municipio e o amplo territorio rural.
“Son moitas as definicións de Smart City, pero en Lugo gústanos aquela que considera unha cidade como intelixente cando as inversións en capital humano e social, en infraestruturas e comunicación tradicionais e modernas, fomentan un desenvolvemento económico sostible e unha elevada calidade de vida, cunha xestión intelixente dos recursos naturais, a través dun goberno participativo”, asegurou a rexedora ao tempo que facía fincapé en percibir de maneira práctica o concepto de Cidade Intelixente, “onde os veciños exerzan un papel fundamental á hora de facer evolucionar a súa cidade”.
Orzamento
O proxecto conta cun orzamento de 4.112.801 euros, dos que o Ministerio achega o 60%, uns 2,5 millóns, a través de Red.es, coa cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o Concello o resto, máis de 1,6 millóns de euros, 822.560 euros para esta anualidade e outros 822.560 para a que vén.
Un proxecto transversal, apoiado por empresas público-privadas
Lugo Smart City levouse a cabo dende diversas concellerías, a de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico. a de Concello e Cidadanaía e a de Desenvolvemento Sostible, así como dende diversas áreas como o Centro de Empresas e Innovación, novas tecnoloxías, informática, administración electrónica, estatística, rexistro, arquivo, medio ambiente e prensa. Ademais, a iniciativa municipal acadou o aval de 11 institucións públicas e privadas, a Deputación de Lugo, a USC, o Concello de Gijón, a Confedeación de Empresarios de Lugo, a Federación de Comercio, a Asociación de Empresarias de Lugo e Telefónica, así como a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, a Fundación TIC e a Asociación Terras de Lugo. “Estes apoios, unha das variables que puntuaban para a concesión do proxecto e onde o Concello acadou a máxima valoración xunto co cofinanciamento, avalan que fixemos un gran traballo”, asegurou a rexedora. De feito, tal e como apuntou, dos 111 proxectos presentados soamente se aprobaron 14 propostas. A de Lugo foi a única de Galicia presentada de xeito individual que acadou financiamento, pois A Coruña e Santiago presentaron unha plataforma conxunta con Madrid e Zaragoza, quedando en sexto posto.
Obxectivos do Lugo Smart City
Tal e como manifestou a rexedora, co Lugo Smart City o Concello busca integración para involucarar á cidadanía nos procesos adminsitrativos do Concello, eficiencia para mellorar a prestación de servizos públicos locais con alta incidencia no cidadán a través de cambios nos modelos de xestión apoiados nas TIC; transparencia para facilitar o acceso, a consulta e o uso dos datos públicos dos servizos municipais e coordinación, para axilizar o traballo entre as áreas municipais a través da integración de servizos intelixentes.