O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, reuniuse esta tarde en Monforte con representantes socialistas nas comarcas de Lemos e Chantada para trasladar a “oportunidade histórica que ten o partido para desaloxar ao PP da presidencia do goberno galego o 25 de setembro e acabar con case oito anos de parálise e de resignación con Feijóo.
Leiceaga conversou cos alcaldes, portavoces e cargos orgánicos e institucionais da zona e da provincia, entre os que estaba tamén o presidente da Deputación, Darío Campos, así como candidatos para as autonómicas propostos pola dirección provincial. O socialista quere implicar a todo o partido cara “un proxecto de país, coa prioridade do emprego e os servizos públicos” e “con identidade e peso no estado” para liderar unha nova etapa cun chamamento “a todo o electorado progresista” e recuperar Galicia “desde a sensibilidade da socialdemocracia e sen deixar a ninguén atrás”.
Leiceaga chamou á mobilización dos socialistas para que empece “un tempo de esperanza e un horizonte diferente para os que están fartos da corrupción, para os que desexan traballar en Galicia e non poden e para que os que padecen os recortes do PP”. Ademais, escoitou as ideas e demandas dos representantes do partido para as zonas do sur da provincia e trasladou os principias eixos que conformarán o programa electoral do PSdeG para as eleccións autonómicas.