CONtornos, mostra internacional de torneiros na Deputación

O Presidente, Darío Campos Conde, inaugurou “CONtornos”, a exposición de torneado de madeira, que o CENTRAD da Deputación leva a Capela de Santa María ata o 28 de agosto. A mostra reúne por primeira vez na provincia de Lugo 30 pezas que profesionais de distintos puntos do mundo elaboraron nos XV Encontros Internacionais de Torneiros do ano pasado en Xermade.

Campos Conde estivo acompañado polo Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández Méndez, a Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, e o comisario da mostra, Vicente Ledo Roca, entre outras autoridades.

O Presidente destacou que “é un pracer colaborar co Concello de Xermade e cos mestres torneiros na difusión e promoción dos oficios tradicionais. Esta é unha aposta compartida polo pulo da nosa propia tradición e cultura para xerar riqueza. Quero pór en valor o traballo dos nosos artesáns. Sodes un exemplo de compromiso coa nosa identidade, así como de superación. Demostrades que a tradición e a innovación non están enfrontadas, senón que poden conxugarse perfectamente, sendo un valor engadido que impulsa a nosa economía”.

                                                                                         CONtornos

CONtornos, organizada pola Deputación a través do CENTRAD, amosa por primeira vez na provincia de Lugo, tras estar en As Pontes e Ferrol, unha trintena de pezas de madeira elaboradas por recoñecidos profesionais durante os “Encontros Internacionais de Torneiros de Madeira de 2015”.

Os protagonistas de CONtornos son torneiros das 4 provincias galegas, así de distintos puntos de España, ademais de países como Francia, Portugal, Grecia, Holanda, Estados Unidos, Nova Zelanda ou Australia.

Trátanse de recoñecidos profesionais de xeito internacional. Tamén participados afeccionados ao torneado que, dende o anonimato, axudan a que este oficio se recupere do esquecemento, propoñendo camiños de expresión novidosos e creativos.

Os relatores internacionais (Manuel Castro, Rafael Saigí, Nikos Siragas e Jason Smith) foron os responsable de escoller as pezas feitas nos encontros internacionais de torneiros para formar parte de CONtornos.

Pódense atopar pezas de carballo, freixo ou falso plátano. Os resultados a partir das mesmas madeiras son sempre distintos e sorprendentes. A técnica do torneado consiste en labrar con diferentes ferramentas un anaco de madeira mentres está suxeito ao torno que o fai xirar.

Horarios

CONtornos permanecerá aberta ao público ata o 28 de agosto na Capela de Santa María. A entrada é libre e totalmente gratuíta. O horario é:

  • de luns a venres, de 10:30 a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas.

  • sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 20:00 horas.

Encontros Internacionais de Torneiros

Os Encontros Internacionais de Torneiros naceron en 2001 na Aldea Artesán de A Fraga, no Concello de Xermade, coa intención de recuperar do esquecemento un oficio tradicional en Galicia, documentando as ferramentas, maquinaría, materias e técnicas de traballo para logo dalas a coñecer ao maior número de persoas posibles. Este evento sempre se celebra no municipio xermadés na segunda quincena do mes de setembro. Unha das finalidades didácticas que persegue é divulgar os valores do oficio, algo que está a ter resultados satisfactorios, pois o público asistente cada vez ten mais argumentos para diferenciar artesanía e industria. Durante catro días, reúnense profesionais e afeccionados para compartir sabedoría e experiencia, ao tempo que se achega ao público en xeral o mundo da tornearía.

XVI Encontros de torneiros 2016

O próximo encontro celebrarase, polo tanto, os días 23, 24 e 25 de setembro. Todos os torneiros que queiran participar na cita terán que inscribirse en encontro@encontrodetorneiros.org. Máis información en 667532151.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com