A Heroica Gran Premio Deputación de Lugo reunirá a uns 250 nadadores

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, presentou este mércores no embarcadoiro de Doade a primeira edición de A Heroica Gran Premio Deputación de Lugo – Regina Viarum. Celebrarase o sábado nun entorno único, como é a Ribeira Sacra. Reunirá a preto de 250 nadadores de todas as idades e chegados de diferentes puntos da xeografía española, que competirán nas catro probas de nado entre Chancís e Doade. O organismo provincial colabora con esta proba cunha achega económica de 10.000 euros.

No acto tamén participaron o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca; o Alcalde de Sober e presidente do consorcio turístico Ribeira Sacra, Luis Fernández; a Alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome; o Alcalde de A Teixeira, Miguel Rodríguez; a Alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés; o Xefe do Servizo provincial de Deportes de Lugo da Xunta de Galicia, Manuel Otero ‘Cadramón’, e outras autoridades.

Vidal Baamonde explicou que “a maxestosidade do enclave no que se vai a levar a cabo a proba é todo un incentivo para os nadadores que se acheguen a competir o sábado. O feito de que haxa numerosos inscritos non só de Galicia, senón tamén do resto de España permitirá que se convertan en voceiros do patrimonio que a provincia de Lugo atesoura na Ribeira Sacra e potenciar, deste xeito, o turismo na zona”.

O Deputado de Turismo sinalou que “a proba nace para perdurar no tempo e converterse nunha referencia deportiva a nivel internacional, neste senso, xa está confirmada a presenza de destacados nadadores como a olímpica Beatriz Gómez Cortés, o que dá boa conta do interese que está a espertar esta primeira edición”.

 Competicións

Durante a xornada do sábado disputaranse en total catro probas, finalizando todas elas no embarcadoiro de Doade. Os primeiros nadadores en competir, a partir das 16.00 horas, serán os inscritos na competición reina, o Gran Premio Deputación de Lugo, que deberán completar un percorrido de 10.000 metros. Para iso, subiranse a un catamarán que os levará ata a contorna de Chancís e, dende alí, botaranse a nadar ata chegar ao embarcadoiro de Doade.

Tras a disputa desta proba, a máis esixente da xornada, celebraranse as competicións de 5.000 metros, 2.500 metros e unha popular de 600 metros, pensada para todos aqueles afeccionados á natación que desexen ser partícipes dunha xornada deportiva en medio dun ambiente único.  Ademais, a organización do evento confirmou a posta en marcha dunha liña especial de microbuses que partirán dende a praza do pobo de Doade cada trinta minutos, con destino ao embarcadoiro, totalmente de balde.

Asemade, durante a mañá terá lugar unha visita guiada na que poderán participar tanto os deportistas que compitan na Heroica como os seus acompañantes, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Esta visita partirá dende a praza do pobo de Doade, con traslado en bus.  As prazas están limitadas para 50 persoas e a actividade será totalmente gratuíta, contando coa seguinte programación:

As inscricións poderanse realizar a través da páxina web https://championchipnorte.com.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com