A Delegada Territorial da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (Anpa) do Ceip Sagrado Corazón para “garantirlles o firme compromiso da Administración Autonómica na construción do novo centro, a pesar dos continuos bloqueos do Concello”.
Na xuntanza, na que tamén estiveron presentes altos cargos da consellería comunicóuselles que a Xunta está a traballar para que o novo Sagrado Corazón sexa “unha realidade canto antes, moi a pesar do que parece que busca a propia administración local, que xoga a poñer trabas constantes torpedeando así o avance do proxecto, ao ceder 9 fincas orixinais, distintas, sen unificar e sen garantías urbanísticas, cando xa estaba advertida de que non era viable”.
Neste senso, a delegada recordou que no ano 2012 a Xunta “solicitoulle ao Concello a cesión dunha parcela única de 10.000 metros para a construción do centro, algo que “parece que o goberno local pasou por alto”.
Arias sinalou que “a pesar dos repetidos obstáculos, os técnicos están a traballar na busca de solucións que permitan iniciar a construción do novo CEIP Sagrado Corazón. Sinalou que esa é a vontade da Xunta nese e noutros proxectos pendentes de executar en centros do municipio”.