O Grupo Provincial do Partido Popular valora solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario para que a Deputación de Lugo dea conta da auditoría realizada ao Breogán para “coñecer a situación real do club de baloncesto”.
A voceira popular, Elena Candia, asegurou que dende o seu grupo se ven obrigados a tomar esta medida “ante a falta de resposta tanto do PSOE como do BNG ao ser preguntados polo futuro do Breogán”.
Candia apunta que “non se pode entender a falta de responsabilidade do presidente ao asegurar nunhas recentes declaracións aos medios que non ten nada que dicir sobre este tema porque a Deputación de Lugo xa non é propietaria de accións do Breogán e son os socios maioritarios e donos do club os que teñen que dar o seguinte paso e con este banal argumento desentendese dun club que para a provincia é unha institución”, critica a voceira.
Por este motivo, os populares consideran “imprescindible” que a Deputación “clarifique o apoio en todos os aspectos ao Breogán e lamentan que o actual presidente estea actuando de novo con irresponsabilidade ao non amosar o seu posicionamento claro e o apoio claro e incondicional do ente provincial ao clube de baloncesto”.
A voceira esíxelle de novo ao BNG que faga balance da súa xestión co club dende o ano 2007, “durante case unha década de goberno á fronte da área de deportes do organismo provincial”. Os populares recordaron que o Breogán estivo presidido polos deputados provinciais nacionalistas Antón Bao e Antonio Veiga” e criticaron “a xestión levada a cabo”. Dende o grupo provincial do PP lamentaron tamén a falta de transparencia de Antonio Veiga e criticaron de xeito rotundo o proceso de venda do Breogán “do xeito que se fixo”.