O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou este venres as obras de mellora que o Concello está a acometer no templete da música da Praza Maior, nas que a entidade local realiza unha inversión duns 9.500 euros.
Tal e como indicou o edil, trátase duns traballos cos que se rehabilitará toda a estrutura deste equipamento, reconstruíndo as molduras das oito columnas, cornixas e varandas de fundición e incluído o seu posterior tratado e esmaltado; así como retirando a iluminación ornamental, que presenta problemas de seguridade e ornato.
Ademais, Manuel Núñez indicou que “se realizará a rehabilitación do teito de madeira, incluíndo o seu esmaltado e remates. Tamén se entubarán as conducións eléctricas e de datos a través de tres columnas de fundición, así como o entronque e baleirado parcial das columnas e molduras. Finalmente colocarase unha varanda na saída da escaleira e revisarase a limpeza da cuberta de cinc”.
O templete da Praza Maior é unha estrutura emblemática da propia praza, proxectada polo arquitecto municipal Nemesio Cobreros no ano 1888 seguindo as últimas tendencias da arquitectura de xardíns decimonónica, nos cales o templete era o elemento máis típico. Foi construído por Victoriano López, cun custe que ascendeu a 4.666 pesetas. Dende a súa construción e ata a actualidade é empregada pola Banda Municipal de Música de Lugo para ofrecer distintos concertos, ademais de acoller outros actos culturais ao longo de todo o ano. Estas actuacións de mellora, que arrincaron hoxe, servirán para que o templete lugués luza unha mellor imaxe.