O conselleiro de Economía, o monfortino Francisco Conde, encabezará a lista do Partido Popular na provincia de Lugo nas próximas eleccións autonómicas. Así o anunciou esta mañá o propio presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alberto Núñez Feijóo, nun acto en Santiago no que estivo acompañado do propio Conde e dos outros cabezas de lista no resto de provincias galegas.
Núñez Feijóo sinalou que no seo do partido “non hai sobresaltos nin liortas”, en referencia ás discrepancias existentes en formacións como En Marea ou o PSdeG á hora de confeccionaren as listas. Segundo Feijóo, os populares “non teñen que improvisar candidaturas, nin buscar enfrontamentos” ao dispoñeren, dixo, “dun proxecto sólido, completo e coherente”.
No referente ás outras provincias, o propio Feijóo encabezará a lista dos populares na provincia de Pontevedra, seguido do vicepresidente Alfonso Rueda. Na Coruña, o presidente provincial dos populares coruñeses Diego Calvo abrirá a lista e en Ourense a número un será a delegada territorial Marisol Díaz Mouteira.