Un traballador perdeu a vida esta tarde nun accidente laboral rexistrado en Lugo. A vítima morreu ao caer dende unha altura. A empresa na que ocorreron os feitos sitúase en Conturiz, na parroquia de Santo André de Castro.
Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia minutos despois das 17:00 horas desta tarde. Solicitaba asistencia sanitaria para a vítima. O persoal do CAE 112 estableceu comunicación con Urxencias Médicas. Tamén se alertou á Policía Nacional, a Protección Civil e á Policía Local.
Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense. A intervención da aeronave quedou suspendida tras confirmarse o falecemento do operario.