O Grupo Municipal Socialista vén de pronunciarse sobre o cambalache a tres bandas protagonizado polos populares de Vilalba, vinculando os movementos nas listas do PP na provincia de Lugo cun sumario declarado complexo a petición da Fiscalía polo Xulgado Nº1 de Vilalba.
O sumario ao que fan referencia os socialistas foi aberto como consecuencia de varias denuncias interpostas diante da Fiscalía de Mondoñedo, “a primeira delas foi o 21 de xuño do ano 2013, a segunda o 21 de marzo do 2014, e a terceira o 19 de setembro do mesmo ano”, declaran. O leitmotiv das reiteradas denuncias responde a “procedementos nos que entendemos que o goberno vilalbés puido ter vulnerado o ordenamento xurídico por presuntos delitos de prevaricación continuada, ao entender que determinadas accións e condutas se levaron a cabo con criterios alleos ao interese público”, explican desde o PSOE.
Nesta liña, relacionan a nomeada “revolución no goberno local vilalbés” cunha posible saída para “construír unha ponte de prata que acubille a Gerardo Criado no Senado”. Tal e como xa se sospeitaba no sentir do socialismo vilalbés, esta manobra ten unha proxección máis ampla, deseñada no momento no que Agustín Baamonde ocupou o número dous na candidatura popular ás municipais a edil popular Sandra Vázquez aterrizou como senadora no ano 2015.
Ademais, desde a perspectiva dos socialistas, esta carambola estaría motivada por máis factores, pois segundo analizan, “mentres Rajoy e Rivera están a negociar a supresión dos aforamentos, Agustín Baamonde, Elena Candia e Núñez Feijoo poderían estar intentando retrasar unha hipotética apertura de xuízo no que estaría implicado o actual alcalde de Vilalba, pois en breve acadaría a condición de aforado”.
Para concluír, e dándose estas circunstancias, o PSOE de Vilalba fala “da enésima tomadura de pelo do Partido Popular a toda a sociedade vilalbesa, poñendo de manifesto as verdadeiras intencións de Agustín Baamonde, responsable dunha xestión nefasta e dun baile de sillas que lle asegura o seu beneficio persoal e o das familias de sempre despois de levar polo menos 25 anos actuando de xeito interesado no que atinxe á política”, rematan.