A Plataforma en Defensa da Zona Norte de Lugo reclama a execución inmediata do chamado ‘Plan Paradai’. Segundo este colectivo “non se pode permitir nin un mes máis de prazo nos proxectos, xa que levamos case 17 anos agardando pola execución do plan orixinal”.
O voceiro da formación, José Manuel Carballo, sinala que “malia ser un proxecto de alto calado para o desenvolvemento da cidade o PP e os seus parlamentarios foron sempre unha traba para a súa finalización”.
Deste xeito, o colectivo reclama “unha xuntanza urxente” da comisión de seguemento do plan, da que forma parte este colectivo dende o seu inicio. “Non queremos máis asalariados políticos de xestión cero e salarios que sobrepasan os 5.000 euros, xa que parece que están tratando de afundir sempre as zonas máis desfavorecidas da cidade”, apuntan dende a Plataforma en Defensa da Zona Norte de Lugo.