O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, reuniuse esta tarde coa plataforma en Defensa do ensino rural en Ponte de Doiras no concello de Cervantes, a derradeira escola pechada polo goberno Feijóo o ano pasado. Villares denunciou o peche de escolas rurais imposto polo Partido Popular no noso país e o estrangulamento dos servizos públicos para a xente que viven na montaña de Lugo. Así mesmo rexeitou a discriminación que condena aos nenos e nenas e as súas familias a marchar ás cidades para poder recibir servizos esenciais como a educación ou a sanidade ou o lecer.
“Reivindicamos un medio rural vivo, propoñemos discriminación positiva para a montaña de Lugo e restablecemento de servizos escolares, sanitarios e asistenciais que sexan necesarios para que a xente poida vivir con dignidade calquera que sexa o lugar onde escolla vivir” defendeu o candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares.