A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co Concello de Cospeito na remodelación de varios espazos públicos deste concello da provincia de Lugo. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, ratificaron o convenio de colaboración entre ambas institucións, no que se recolle un orzamento de máis de 170.000 euros para levar a cabo esta mellora.
As obras consistirán na reurbanización do espazo público urbano en Feira do Monte e Muimenta, no núcleo de Pacios de Mondelo, para o que será necesario acondicionamento de zonas verdes e colocación de varandas nos viarios obxecto da actuación, no acondicionamento de pasos peonís e na colocación de xardineiras con función de elementos decorativos e seguridade para os peóns.
Tal e como destacou a conselleira de Medio Ambiente con esta actuación foméntase a conservación e recuperación de espazos públicos, coa finalidade da súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo.