O Partido Popular no Concello de Lugo reclama melloras na seguridade viaria na contorna do Campus de Lugo ao detectaren “notables carencias” nas rúas situadas nas inmediacións das facultades.
Segundo o voceiro da formación, Antonio Ameijide, a quince días de que comecen as clases “hai rúas como Benigno Ledo, fronte á facultade de Humanidades que son “o mellor exemplo da absoluta despreocupación e desinterese dos socialistas”.
Deste xeito, salienta que “non só todas as prazas de estacionamento se atopan completamente borradas e varios pasos de peóns están totalmente despintados, senón que hai catro carrís de circulación que conflúen na rotonda da Avenida de Madrid e o acceso dende esta vía, sen que se saiba cales son as prioridades de paso”. “Mesmo un deles, nuns metros, pasa a ter sentido de circulación inverso, sen que haxa ningunha indicación ou sinalización horizontal que o reflicta”, sinala, ao tempo que incide en que “na rotonda que dá ao complexo deportivo das Pedreiras tampouco se aprecia nin unha soa marca”.
Neste sentido, Ameijide lembra que o Campus de Lugo está “á vangarda da docencia e investigación”, polo que “urxe” ao Goberno municipal a mellorar a imaxe desa contorna.