O Concello de Lugo defende a “legalidade e transparencia” do concurso para a adxudicación das casetas e os caldeiros de polbo do San Froilán 2016. Un concurso no que a empresa con sede en Madrid Bruxa Consulting S.L se fixo con tres das catro casetas e tres dos catro caldeiros, desbancando a históricos como Aurora do Carballiño, Manolo de Marce ou La Palloza.
O voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, lamentou que os adxudicatarios non fosen empresas radicadas na cidade pero defendía a transparencia do proceso. “Parécenos que se fixo con absoluta legalidade, absoluta transparencia e todo o mundo tivo as mesmas oportunidades. Si nos gustaría que neste e en todos os casos os beneficiarios fosen empresas de aquí, por razóns de creación de postos de traballo, pero a normativa é a que é”, subliñaba o voceiro do Goberno local.
Fernández apuntaba ademais a que é “imposible” incluír nos pregos cláusulas que garantan que os adxudicatarios sexan empresas de hostalaría da cidade. Ademais sinalaba que, no caso de que algunha das adxudicatarias renunciase á súa caseta, nos pregos de contratación non se contempla que volvan saír a concurso.
Críticas da oposición
Dende os grupos da oposición continúan agromando as críticas. O PP no Concello de Lugo advirte de que a montaxe das casetas do polbo podería estar no aire. O vicevoceiro da formación, Antonio Ameijide denuncia que o Goberno local “deixou para a última hora” a adxudicación das casetas poñendo en perigo a súa instalación.
Mentres, o BNG cre que este asunto é tan só “unha anécdota que reflexa a falta de transparencia do Goberno local” e anuncian que pedirán no próximo pleno que os grupos políticos volvan ter presenza nas mesas de contratación e nas xuntas de compras.
O voceiro da formación nacionalista Rubén Arroxo lembra que “foi unha decisión do actual equipo de Goberno apartar aos grupos políticos destes órganos nos que se decide sobre os cartos públicos dos lucenses”.