Un motorista faleceu onte á tarde nun accidente de tráfico en Castroverde. A moto na que circulaba sufriu un impacto contra un camión.
O sinistro rexistrouse na LU-530, a estrada que une a localidade coa Fonsagrada, á altura do quilómetro 25. Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia contra as 19:10 horas de onte. Indicou que o motorista resultara ferido de gravidade. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 estableceu comunicación con Urxencias Médicas. Tamén se alertou ao GES de Becerreá e á Garda Civil de Tráfico.
Os efectivos sanitarios só puideron confirmar a morte do motorista, que xa faleceu no propio lugar dos feitos.