O presidente da Deputación, Darío Campos, xunto ao deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, presentaron este xoves o “Plan de Mellora de Infraestruturas e Equipamentos no Medio Rural”. Trátase dunha programación “en defensa da vida no rural e do rural, que busca potenciar o benestar dos veciños e o sector primario coa mellora ou dotación de prestacións públicas imprescindibles. É un plan que reivindica a igualdade de servizos e oportunidades vivas onde vivas, e que trata de combater o despoboamento demográfico que sofre o rural lugués”, explicou o presidente.
Está dotado con 1,5 millóns de euros e diríxese a veciños do rural en xeral, asociacións veciñais sen ánimo de lucro e comunidades de montes legalmente constituída, pertencentes a calquera dos 67 Concellos da provincia. Inclúe axudas en réxime de concorrencia competitiva para 3 liñas de actuación.
Por unha banda a mellora do abastecemento e da calidade da auga con axudas dun máximo de 30.000 euros para a construción de novas traídas de auga; e de 10.000 euros para melloras, acondicionamentos ou ampliacións das existentes. “Hai que ter en conta que as traídas de auga son un servizo municipal básico para o día a día dos veciños, que seguen a ser un déficit en moito núcleos rurais, aos que non chega a auga en condicións nin aos fogares nin ás explotacións gandeiras”, subliñou o Campos Conde.
Tamén se promoverán axudas para a mellora da mobilidade no rural ao contemplar partidas de 12.000 euros para arranxos e sinalizacións de accesos públicos a núcleos poboacionais, explotacións gandeiras, fincas forestais, agrarias ou viñas. Por último, o plan recolle axudas para a mellora de centros socioculturais e da súa contorna.