Unha persoa resultou ferida esta mañá nun accidente de tráfico rexistrado na A-6, ao seu paso por Becerreá. O vehículo no que viaxaba, canda a outras dúas persoas, deu ata cinco voltas de campá. En concreto, os feitos producíronse á altura do quilómetro 456, en sentido Lugo.
A persoa ferida foi trasladada a un centro sanitario. Ademais, o vehículo sinistrado quedou obstaculizando os dous carrís da autovía en sentido Lugo. Segundo acaba de explicar outra persoa que tamén chamou ao 112 Galicia, sobre a calzada quedaron numerosos restos do sinistro que están a obstaculizar a circulación. Os efectivos encargados da conservación traballan arestora na limpeza da zona.
Segundo o servizo de emerxencias 112 foi unha persoa particular a que alertou ao 112 Galicia ás 12:20 horas de hoxe. Explicou que os tres ocupantes puideran saír do vehículo polos seus propios medios. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Sarria e ao GES de Becerreá. A situación tamén foi posta en coñecemento da Garda Civil de Tráfico.